13 ene 2012

PRIMEIRA XUNTANZA: CONTOS POR PALABRAS

Este xoves tivemos unha xuntanza ben animada, segundo dixeron as asistentes. Foron poucas, pero boas, que é o que importa. 
Os relatos de Contos por palabras arrincan de anuncios tirados dos xornais. E nós puxémonos a buscar por tales páxinas e fixemos unha chea de recortes. Algúns deles máis picantes ca outros... e non eran pementos de padrón. 
Chantamos os recortes nun corcho que quedará exposto uns días na entrada do Instituto. Mirádeos ben, pois atoparedes cousas chamativas e riredes un pedazo. Os anuncios están clasificados en distintas seccións, aínda que se poderían engadir moitas outras. Tamén reflexionamos un chisco sobre a existencia de tales mensaxes nos medios de comunicación de masas, sobre todo da polémica sección de contactos. 
Vaia, e rematamos a xeira cunhas cantigas ben xeitosas; a última delas foi unha que puxo de moda un futbolista portugués ben coñecido... Ai, si eu te pego...  E aínda petiscamos algo. En fin, unha cousa informal, pero non por iso menos produtiva.

Aquí vos deixamos unhas fotografías do xuntoiro:



O que vos perdestes!!! Agardamos que na próxima esteades tod@s, miraremos de cadrar mellor a hora.

E VÓS QUE DICIDES DO LIBRO? 
QUE RELATO VOS GUSTOU MÁIS? POR QUE RAZÓNS?
PODERÍADES CREAR VÓS UN BREVE RELATO A PARTIR DUN ANUNCIO POR PALABRAS?

AGARDAMOS CON IMPACIENCIA OS VOSOS COMENTARIOS!!!